Onte estivo na nosa biblioteca Iago López que veu narrar o conto de "O cociñeiro Martiño". O alumnado de primeiro e segundo de primaria gozou coa historia! Ao final, asinoulles o libro que forma parte das súas bibliotecas de aula.
Queremos compartir con vós unhas imaxes da viaxe do noso alumnado de 4º ESO á París na semana anterior ás vacacións de Semana Santa.
Entre outras cousas, os alumnos gozaron das mellores vistas nocturnas da cidade no cumio da Tour Eiffel e tamén dun paseo diurno polo río Sena no Báteau-mouche. Non faltaron as visitas a Nótre-Dame, ao Museo de Louvre e Orsay e ao Cháteau de Versailles.
O mércores 21 gozaron de tempo libre nos dous parques de Disney. Alí percorreron as súas rúas cheas de fantasía e, os "máis atrevidos" subiron as numerosas atraccións. O parque ofrece unha iluminación fantástica ao caer a noite dominado todo polo incrible Castelo de "La Belle ao bois dormant".
O Departamento de Francés aproveita para agradecer a Begoña a súa compañía nesta extraordinaria aventura.
Como cada ano, esta semana celebramos a Semana da Poesía, sendo a data máis importante o 21 de marzo: Día Mundial da Poesía.
Este ano traballaremos poemas de Antonio García Teijeiro que foi galardonado co premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil polo seu libro "Poemar o mar", ilustrado por Xan López Domínguez e publicado pola editorial Xeraisen 2016.
O alumnado de Secundaria leu os poemas seleccionados polo equipo de biblioteca aos nenos e nenas de Primaria que fixeron uns debuxos para ilustralos. Os poemas colgaranse polos diferentes corredores do colexio.
Hoxe, 8 de marzo, celébrase o Día Internacional da Muller Traballadora. Esta data reivindica a participación da muller na sociedade en igualdade de condicións co home.
Desde a biblioteca, estivemos recopilando fotos de mulleres da familia do alumnado desempeñando o seu traballo profesional pero tamén das mestras e persoal non docente do centro que quixo participar. Moitas grazas por colaborar activamente nas propostas que suxerimos! Estas fotografías están expostas nun mural no edificio principal.
Tamén proxectamos un videopoema que leva por título "Compañeras", que se inclúe no libro "Todos mis futuros son contigo" de Marwan, publicado pola Editorial Planeta. A proxección tivo lugar na entrada do colexio e na biblioteca.
Igual que o ano pasado, fixemos unha exposición no patio e nos corredores coas ilustracións que aparecen no libro " Mulleres" de Isabel Ruíz. Un álbum ilustrado que recolle unha breve biografía de dezaoito mulleres.
O equipo de biblioteca preparou unha actividade moi dinámica para o alumnado.
Hoxe no recreo, o alumnado de Secundaria utilizou por primeira vez as tablets e ordenadores que puxemos para consulta na zona interactiva da biblioteca.
Neste novo espazo podes desde xogar ao xadrez ou a calquera dos diferentes xogos de mesa educativos (crebacabezas, de lóxica, ...), LEGO, ler un libro, buscar información para algún traballo nos ordenadores, ... todo isto gozando das vistas que temos sobre o bosque que rodea unha parte do colexio ou a ría de Betanzos.
O xoves pasado tivemos unha sesión de formación en rede. Esta actividade foi promovida pola Asesoría de Bibliotecas Escolares e está dentro do proxecto ELBE.2 Contou coa participación dunha representante da compañía Odilo e os coordinadores de biblioteca de varios centros escolares de Galicia. A rede de tecnoloxía Odilo permite que usuarios de varios países poidan acceder ao contido dixital.
A través desta plataforma, que é coma unha biblioteca, podes consultar o catálogo, as novidades, os empréstitos, ... ademais, contén libros en tres linguas: castelán, galego e inglés.
Unha ferramenta moi útil posto que, na actualidade, asistimos a importantes cambios na forma de presentar os textos e acceder á súa lectura.