viernes, 1 de septiembre de 2017

VISITA Á ESTACIÓN BIOLÓXICA DA GRAÑA.



O día 31 de maio de 2017 os alumnos de bioloxía de 4º de ESO do C.P.I. Cruz do Sar visitamos a estación biolóxica da Graña. Explicáronnos que é un centro de investigación que se dedica ao estudo da biosfera e biótopo mariño. Ademais, ofrece servizos de microTAC a outras pólas de investigación como mineraloxía, odontoloxía, implantes de anatomía humana e a restauración de pezas antigas de madeira.

Tamén ten unha función didáctica. Ao ser un centro pertencente á USC ofrece prácticas aos alumnos do máster e do primeiro ano da carreira. Por outro lado oferta visitas a centros de Educación Primaria e Secundaria, coa finalidade de visitar o centro ou facer prácticas de laboratorio.

O centro está dotado dun cualificado equipo dirixido por Guillermo Díaz, titulado en Farmacia e Bioloxía, que nos atendeu coma se fósemos da casa. Tamén estivemos cun experimentado profesor da USC, Óscar García Álvarez que está investigando un novo grupo de moluscos denominado Solenogastros. E non nos esquecemos de Xela Cunha que investigou na súa tese os impactos de Reganosa na biosfera acuática na Ría de Ferrol. O equipo do centro é numeroso, cunha ampla variedade formativa.

Todo estes profesionais non poderían facer o seu traballo sen as dotacións técnicas excepcionais das que dispoñen. Ao comezo da visita, Willy ensinounos e explicounos como é o equipamento de mergullo e as diversas mangas que empregaban para mostraxe. Alén de ter un grande equipo de mergullo, precisan barcos para desprazarse ás zonas máis lonxanas e obter novas mostras. Non puidemos subir aos barcos pero os observamos desde a estación.

A estación conta cun tanque de captación de auga da ría para o subministro de todos os acuarios que teñen. Dispón de numerosos laboratorios ben equipados, para as prácticas utilizan un laboratorio específico completo, ata cunha dependencia específica para a extracción de ADN.

Os alumnos, que van realizar as prácticas, pódense albergar nas instalacións do centro, que contan con cuartos para profesores e alumnos, unha pequena cociña, aseos, e ata unha sala de conferencias na que reciben clases.

Finalmente queríamos agradecer a atención e ensinanzas recibidas, especialmente ao Director e a todo o persoal por brindarnos a oportunidade de vivir unha experiencia enriquecedora para o noso futuro.

Moitas grazas.


Atentamente: os alumnos de 4º de Bioloxía-Xeoloxía do C.P.I. Cruz de Sar


No hay comentarios: